Manifesto: Por un Vigo Central peonil, non ao túnel
O Movemento cidadán VigoHistórico é un colectivo que non está vencellado a partidos políticos, formado por persoas que teñen a idea de facer completamente peonil a Porta do Sol, Elduayen e o Paseo de Alfonso, pero sen túnel por debaixo de ningún tipo. Nace coa idea de crear o debate na sociedade Viguesa sobre o estilo de Cidade que queremos, ante a oportunidade que xurde co proxecto de peonalización da Porta do Sol.
Este movemento está aberto a todo o mundo que queira aportar. Para peonalizar a Porta do Sol, o concello ten previsto facer un túnel por baixo, aproveitando un tramo do parking existente, e facendo a ceo aberto o resto.
Isto implica que, para liberar de coches un total de 200m no futuro espazo, farán falla ramplas de entrada/saída de máis de 7 metros de profundidade e 70 metros de longo cada unha. Para facerse unha idea, hai que pensar nas dimensións das entradas do túnel de Beiramar no Berbés. Poden consultarse os detalles do proxecto na nosa web www.vigohistorico.org.
Existe un gran consenso entre a cidadanía viguesa sobre a peonalización da Porta do Sol. Todo o mundo ten claro que será positiva para a cidade.
O Movemento cidadán VigoHistórico participamos tamén deste consenso, xa que dinamizará aínda máis parte do centro de Vigo e conectará o Casco Vello alto e o Casco Vello baixo, que ata agora estaban divididos.
Porén, cremos que o proxecto debe ser máis ambicioso e eliminar o túnel, deixando a zona completamente peonalizada e libre de vehículos dende a rotonda do Paseo de Alfonso ata a porta do Sol. Estamos ante unha situación excepcional, que debemos aproveitar, xa que coinciden no tempo varios factores: a tendencia europea de reducir emisións e vehículos nas cidades, o feito de que a xente de Vigo quere a praza peonal, a proximidade da nova concesión do transporte urbano, e a consecución de fondos europeos por parte
do Concello para o proxecto Vigo Vertical.
Facendo o túnel, simplemente estamos soterrando o tráfico, pero non imos reducilo. Incluso aumentará, debido ao “efecto chamada”, xa que aforrará ata catro semáforos aos vehículos. As cidades deben buscar unha mobilidade menos contaminante, fomentar o transporte público e alcanzar un descenso sustancial de vehículos de combustión nos centros urbáns.
Noutras palabras: pensar a cidade para as persoas, e non para os coches. Facer un Vigo con aire máis respirable, menos ruídoso e máis sostible. O proxecto Vigo Vertical quedaría incompleto sen unha peonalización total das rúas Paseo de Alfonso, Elduayen e Porta do Sol. Ademais, o impacto visual das ramplas do túnel, a saída de fumes do seu interior, e a reberberación de ruídos de vehículos nas
entradas e saídas, farán un socavón, unha falla entre o Casco Vello Alto e o Baixo en contra do que o proxecto da peonalización na Porta do Sol persegue.
O resultado non será todo o efectivo, agradable e atractivo que podería chegar a ser.
Consideramos que estamos ante unha grande oportunidade de recuperar un espazo único: o Paseo de Alfonso. Peonalizado, poderíamos poñer en valor tanto o miradoiro excepcional das Illas Cies - o noso orgullo cara o mundo, futuro patrimonio da Unesco - como a Oliveira, o símbolo da nosa cidade. Serían lugar emblemático para Vigo e suumaríase a Praza da Constitución e a novaPorta do Sol como enclaves dinamizadores do centro, dos que gozarían tanto cidadáns como visitantes.Outra vantaxe da peonalización sen túnel, sería poder manter o formato actual eventos que cada ano son máis exitosos, como a cabalgata de reis, ou o desfile de comparsas do entroido. Facendo pasar os percorridos por un Vigo Histórico peonil, o público estaría garantizado. Pola contra, co túnel, habería que buscar outro trazado, afastandoos da Porta do Sol. A Festa da Reconquista tamén se podería ver beneficiada por este aumento de espazo
sen vehículos.
É fundamental para recuperar completamente o centro de Vigo o feito de unir peonilmente a Porta do Sol co paseo Alfonso, xa que facilitaría o acceso aos antigos barrios históricos de Pracer e Ferrería (no que se fixo unha moi boa labor de rehabilitación con gran investimento), ademais de conectalo con Falperra e a Panificadora, cando este proxecto sexa realidade. Un centro
intermodal multiplicaría o atractivo de Vigo a nivel turístico e o orgullo da propia cidadanía. Ademais de facer xustiza á memoria da cidade.
Obviamente, hai que seguir facilitando o acceso ao centro urbán, a residentes e a toda a poboación de Vigo, así como a visitantes que queiran coñecer a nosa fermosa cidade. Sabemos que eliminar a vía de tráfico de Elduayen supón un reto, pero dende o colectivo VigoHistórico temos o convencemento de que esta corporación será capaz de acometelo.
Como colectivo queremos aportar, a nivel de participación cidadá, as seguintes propostas para acadar este Vigo Histórico. Tendo sempre en conta que é o Concello quen debe (e sabe) planificar e executar as medidas:
1 - O obxectivo fundamental de peonalizar é reducir tráfico e emisións. Facer a cidade para as persoas e non para os vehículos. Isto supón un cambio de mentalidade da sociedade. Os cidadáns temos que acostumarnos a coller menos o coche, e as administracións deberán facilitarnos sistemas e alternativos de transporte, e o uso de novos medio de mobilidade urbana.
2 - A implantación da peonalización total non ten que ser de súpeto.
Implantaríase de forma gradual, reducindo nun primeiro paso o número de vehículos da forma que o concello considere, para posteriormente deixar soamente autobuses, taxis e motocicletas, antes da completa restrición do tráfico (agás o de emerxencias). O impacto sería menor que un túnel feito a ceo aberto cun corte abrupto de tráfico.
3 - A nova concesionaria do transporte público, o Concello, e a aportación cidadá, poderían redefinir as liñas de autobuses, de tal modo que se evite a Porta do Sol, pero que se acceda de forma áxil a ela. Para este fin pódese aproveitar, por exemplo, os ascensores ou escaleiras xa instalados do Vigo Vertical, e implantar outros novos en puntos próximos a paradas de bus. O ascensor dende o Berbés ao Paseo de Alfonso, dentro da obra do Barrio do Cura, será unha infraestructura a ter en conta.
4 - Somos conscientes de que a morfoloxía de Vigo fai que se cree unha strangulación de vías entre o monte do Castro e o mar. Porén, Unha axeitada por parte dos técnicos do concello - sumada a redución e vehículos provocada pola peonalización - faría que restar unha rúa non supoña un problema. Cremos que co bo facer do Concello, a participaciónreordenación do tráfico cidadá, e a experiencia acadada na redución gradual de tráfico, o tránsito en Vigo será fluído e agradable, e os que queiran visitarnos, poida ter alternativas para deixar o coche e acceder ao entro comodamente. Para iso, hai que tomar accións a nivel urbanístico para facilitar aparcamentos disuasorios, como se fai en moitas vilas europeas.
O Concello será quen de atopar novos espazos, ou reconverter instalacións que quedan en desuso, para convertilas en aparcadoiros onde deixar o coche e acceder ao centro, ben a pe, ben en bici ou patín, ben co Vigo Vertical, ou ben en transporte público. Ademais, a boa sintonía actual entre Zona Franca e Concello, facilitará a colaboración entre administracións para a reconversión de
espazos a este fin.
6 - Por último, non se deben descartar outras alternativas de movilidade. Cremos que o futuro do transporte urbano debe basearse nun transporte público ecosostenible -preferentemente eléctrico- que contemple o uso dos novos sistemas de movilidad personal (VMP) como compartir vehículos,bicicletas, monopatíns... Os carrís bici xa iniciados polo concello abofé restarán un bo número de vehículos no centro da cidade. Isto é posible mesmo con choiva (basta ver cidades con climas aínda máis chuviosos que o noso, como en Holanda ou Dinanarca). Un bo trazado destas vías, e de novas que se poden implantar, permitirá evitar as rúas con maior pendente, que serán
salvadas cos ascensores existentes e futuros do Vigo Vertical. Todo isto sen deixar de prantexarnos novos transportes públicos alternativos, como minibuses eléctricos ou tranvías.
Cremos que as veciñas e veciños de Vigo temos preparación para o cambio sostible. E cremos que o Concello pode facelo realidade.
Por un Vigo para as persoas, Vigo Histórico peonil.
www.vigohistorico.org
https://www.facebook.com/VigoHistorico/