O proxecto do Túnel de peonalización da Porta do Sol
Contaminación, feismo, fochas e ramblas
Transición ecolóxica en sentido contrario
O proyecto licitado, ao fomentar contaminación e trafico co túnel, entra en contradicción coas novas tendencias de mobilidade e baixas emisións da Unión Europea. A Axenda Europea 2030, os Planes de Movilidade Urbana Sostible da UE, e os propios Fondos FEDER cos que se financia a obra, recollen ista tendencia.
Non nos chamemos a enganos nen a cortopracismos. Por todos é sabido que en todalas medianas e grandes cidades estáse a limitar a entrada de vehiculos nos centros das cidades, pois a redución de tráfico é un dos eixos da Transición Ecolóxica nos espazos urbanos para evitar os gases de efecto invernadoiro e as consecuencias de cambio climático.
Peonalización cativa
A obra só contempla peonalizar a Porta dol Sol (apenas 200 metros), esnaquizando a morfoloxía do Vigo Central, con fochas e ramblas, cando un simple corte de tráfico entre a Porta duplicaría a área peonalizada e cumpriría o obxectivo declarado no vixente Plan de Protección do Casco Vello (PEPRI) como Ben de Interese Cultural (BIC) de "unir peonilmente o casco vello e alto"
Este mesmo plan, que non foi modificado para amparar a obra, cousa si que fixo o concello no caso da Panificadora, considera a Porta do Sol, Elduayen e Paseo de Alfonso como unha unidade de actuación, é dicir, un conxunto único, de tráfico en superficie no que debe primar o uso peonil, que non contempla en néngun caso a construcción dun túnel (1)
Unha fenda no casco vello
A Elduayen é unha rúa xa humanizada con arboledo, alumado de época, e amplas beirarrúas de factura recente en bo estado. O seu estilo é o dun bulevar do XIX, e se algo demanda é peonalizala con xeito para dinamizala e facilitar o acceso ao balcón da cidade, o Paseo de Alfonso.
Carece de todo sentido desdicir o planeamento (2) para a realización dunha obra inxustificada (xa está humanizada) que esnaquice morfoloxía e patrimonio, (deshumanize), ao alzar un muro entre a casco vello alto e baixo que afectará o patrimonio protexido e dificultará algo tan sinxelo como cruzar a rúa.
O túnel é máis ancho que a rúa
Proba diso é que resultou imposible encaixar no seu ancho unha rampla única de entrada e saída o que carrexou o desboque do orzamento, e esa insólita sucesión de ramplas e bocas do túnel, que se pode ver na planta do proxecto.
Pero, atención, este mesmo feito é susceptible de provocar serios riscos nas cimentacións e estruturas nos edificios históricos, protexidos, debido a escavación e a instalación “a cegas” dos micro pilotes que soportarán a estrutura do Túnel.
Afectación do Camiño de Santiago
O camiño de Santiago Portugués pola Costa pasa polo Casco Vello de Vigo na zona afectada polo túnel: entra por Paseo Alfonso, continúa por Elduayen para despois acceder a Colexiata por Sombrereiros.
Ao facer dúas ramplas separadas (porque unha única saída non cabe na sección da rúa) o camiño de Santiago vese gravemente afectado. Ademais da evidente falta de atractivo da entrada dos peregrinos no casco antigo de Vigo, o proxecto non contempla que o Camiño Portugués pola Costa ten protección como “Territorio histórico” na Lei de Patrimonio de Galicia, nen se establece un trazado alternativo que solvente a mobilidade dos peregrinos durante a execución das obras, requisitos que esixe a lei antes citada
Afectación global.
Centrar a afectación na veciñanza e rúa de Elduayen é unha falsedade. A realización dista obra afecta a toda a cidade. Devalúa o Camiño de Santiago ao seu paso por Vigo, menoscaba o Paseo de Alfonso XII, pon en risco a Oliveira, e afea o mais concurrido do centro urbano debido á rambla do túnel de Policarpo Sanz, unha fenda central de doble carril de entrada e saída que arranca ao final da Caixa de Aforros acadado no boca de entrada na Porta do Sol unha altura de dous pisos. Focha e rambla terán un grande impacto na paixase urbana e deslucirán a vista da zona peonalizada desde Policarpo Sanz, de edificios tan emblemáticos como o Moderno o Simeón, o monumento do Sireno, e a propia Porta do Sol.
Problemas de mobilidade
Pode ser peor o remedio que a enfermidade. A simple contemplación da planta de o proxecto que mostramos abaixo mostra un pescozo de botella que pode xerar numerosas retencións e atrancos: un tramo de soamente 12 metros é o único espazo onde se pode cruzar a rúa.
Neste tramo conviven o único paso peonil e o acceso de vehículos.
Non fai falta ter moitas luces para pensar que estes últimos terán complicada a súa circulación nun ancho tan reducido, debido a marxe de manobra dos vehículos e a espera dos peóns no paso. E tamén é obvio que os peóns non estarán moi a gusto debido á inseguridade vial que vaise xerar nesa zona, e aos gases de a saída do túnel inmediato.
Por outra banda, ao estreitar as beirarrúas ata mínimo legal permitido en certos tramos penalízase a circulación de persoas de mobilidade reducida, peregrinos, turistas e de todos os peóns.
Feito que se reitera nas zonas anchas ao convivir o acceso vehicular para residentes, transportistas e emerxencias co uso peonil. Todo iso sen esquecer que o túnel alterará moitos costumes viarios como a circulación tradicional en eventos como, por exemplo, a Cabalgata de Reis.
A Desfeita da rúa Elduayen
① Dúas inmensas fendas afúndense no terreo ata unha profundidade de 6,20 metros, o equivalente a dúas plantas dun edificio. Polo estreita que é a rúa resulta imposible encaixar no seu ancho unha rampla única de entrada e saída ao túnel, como consecuencia, unha lonxitude de 135 metros queda ocupada pola sucesión de bocas do túnel, confinando cos seus peches os espazos para os peóns. Ao ir contra a pendente que xa ten a rúa, as ramplas terán unha pendente do 14%, igual que se fora unha saída dun garaxe particular aínda que con lonxitudes de 50 e 60 metros.
② A escaseza de espazo e o maior ancho que se require para os carrís de circulación soterrados leva a reducir o ancho útil para os peóns a dimensións críticas e moi inferiores ás que teñen as beirarrúas agora existentes.
③ As árbores agora existentes nas marxes de Elduayen desaparecerán (non queda ancho nin substrato para poder plantalas) e serán substituídas por dúas floreiras, unha en cada cabeceira das bocas do túnel, que serán os únicos espazos verdes de toda a rúa Elduayen.
④ A única conexión peonil transversal de todo o treito de rúaé de soamente 12 metros e nela comparten espazo o paso de peóns e vehículos de residentes, de servizo ou de emerxencias, co conflicto que supón a promiscuidade de tránsitos, nun largo tan reducido, entre a manobra dos vehículos e a espera dos peóns no paso.
⑤A única franxa peonil que se deixa con certa amplitude queda totalmente minguada pola necesidade de recoller o paso de acceso vehicular para residentes, para servizo e reparto aos locais ou negocios existentes e para os vehículos de emerxencias.
A rambla e boca de saída dirección Elduayen - Paseo de Alfonso.
① A maior dimensión que require cada carril de circulación da rampla e túnel (muros e arcéns de seguridade) obrigan a reducir ao mínimo as beirarrúas para os peóns, formando funiles estreitos en ambos os dous laterais da rúa Elduayen.
② Por mor deses estreitamentos, a convivencia entre o tránsito peonil e o de ciclistas (ou patinetes) resulta inviable, ese tipo de mobilidade queda condenada a circular 300 metros en túnel respirando a contaminación dos vehículos a motor e saíndo cara ao Paseo de Alfonso por unha pendente ascendente do 14% (tan forzada coma unha rampla de garaxe de 60 metros de lonxitude).
③Ao ser imposible encaixar unha dobre rampla de entrada e saída nunha rúa tan estreita, o proxecto despraza entre sí as dúas bocas do túnel, facendo que toda a rúa Elduayen, entre a baixada a San Vicente e o Paseo de Alfonso teña circulación de vehículos e beirarrúas máis estreitas que as actuais, desaparecerán todas as árbores actualmente existentes, por non ter espazo nin substrato de plantación.
④ Para poder deixar que collan os autobuses urbanos, os sinais e o sistema de extracción do aire contaminado cara ao exterior (polas bocas do túnel), o túnel acada unha profundidade de 6,20 metros, ou sexa, o equivalente a dúas plantas dun edificio.
⑤ En moitos puntos, a ocupación das bocas do túnel ao longo da rúa Elduayen deixa as beirarrúas de peóns reducidas ao ancho que tiveran nos anos oitenta, cando esta rúa tiña tres carrís de circulación de vehículos
A rambla e boca de Saída dirección Elduayen - Puerta del Sol
① Elduayen non vai ser peonil entre a baixada a San Vicente e o Paseo de Alfonso. As beirarrúas van quedar confinadas por muros e fosas das ramplas do túnel. Pavimento continuo de pedra, impermeabilización do terreo, supresión da vexetación existente, fomento do tránsito rodado de travesía, afección irreversible dunha paisaxe cultural e das estruturas do patrimonio histórico construído, acumulación de ruídos e contaminación en determinados puntos (bocas do túnel)... son actuacións contrarias ao Convenio Europeo da Paisaxe e ás directrices da UE para as actuacións nas áreas centrais das cidades.
②Unha floreira en cada unha das cabezas das ramplas do túnel, van ser as únicas zonas verdes de toda a rúa Elduayen, e van desaparecer, soamente no treito que vai da baixada a San Vicente ao Paseo de Alfonso, un total de 21 árbores (camelios e laranxeiras bravas) agora existentes.
③A fenda da boca do túnel en dirección á Porta do Sol, mesmo que no caso da saída cara ao Paseo de Alfonso, afúndese a unha profundidade equivalente a dúas plantas dun edificio.
④ A boca de entrada ao túnel continúase coa de saída, separadas apenas 12 metros unha da outra e cun desenvolvemento total de 135 metros en lonxitude, ocupando todo o percorrido da rúa Elduayen entre a baixada a San Vicente e o inicio do Paseo de Alfonso.
⑤Entre unha rampla e a outra, o espazo para os peóns queda interrumpido pola necesidade de deixar un percorrido de acceso de vehículos (tráfico de acceso eventual a residentes, reparto a locais comerciais e vehículos de servizo ou emerxencias) nunha difícil convivencia entre coches e peóns, que sempre rematan por transitar por seccións inferiores, en moitos puntos, ás das actuais beirarrúas. Con soamente 400 m2 gañados de espazo peonil respecto da situación actual, 450 m2 van ser de uso compartido coches-peóns.
2. O o PEPRI vixente indica o seguinte: ".... PEPRI debe recompoñer o carácter de unicidade que tivo o Casco Vello ata a apertura de Elduayen e posterior conversión desta vía en eixo importante dos fluxos circulatorios de Vigo (Leste-Oeste)"...e "ten que eliminar barreiras fisicas, mesmo con pequenas operacións de conexión, máis tamén barreiras psicolóxicas xurdidas ao longo dahistoria pasada e recente da cidade".
Alternativas
Hai moitos motivos para afirmar que a unha peonalización da Porta do Sol sen túnel é moito máis beneficiosa que con túnel: a calidade do aire, a sostenibilidade, adiantarse a cumprimento de normativas da axenda 2030, a posta en valor do Paseo Alfonso XII e do Camiño de Santiago, o respecto a edificios BIC, evitar o efecto antiestético das ramplas, a reunificación real do Casco Vello..,
Por iso, dende VigoHistorico , pensamos que paga a pena tentalo e propoñemos unha peonalización gradual, que restrinxa primeiro os vehículos particulares e afaga , á cidadanía a usar menos o coche propio, reforze o transporte público, os carrís bici e introduza na cidade conceptos como as” vías de espazo compartido".
A nosa proposta é converter o eixe Porta do Sol - Paseo Alfonso nunha plataforma flexible de uso múltiple, cara a unha peonalizar completamente da zona.
Agardamos que descargues e botes unha ollada ao documento de embaixo e que o mesmo sirva para concienciar a cidadanía viguesa sobre a conveniencia de explorar outros camiños cara a peonalización da Porta do Sol..
Agardamos que este documento sirva para concienciar sobre a conveniencia de explorar outros camiños cara a peonalización da Porta do Sol.