A rúa Elduayen: outravolta unha fenda no casco vello?

Os túneles da rúa Elduayen poden ser unha nova fenda no casco vello de Vigo

Elduayen é a rúa das desfeitas patrimoniais. Xa o foi na súa apertura, hai máis de 125 anos; e, se non o evitamos, vai volver a selo co túnel da Porta do Sol.

Construída en 1890 para unir a Estrada de Camposancos coa estrada de Pontevedra, a rúa  Elduayen permitía atravesar Vigo sen percorrer as estreitas rúas do Casco Vello pois daquela a area da praia chegaba ata os soportais do Berbés, e a vila non se podía rodear por abaixo.

Para a súa construción derrubáronse varios edificios, co gallo de abrir a nova rúa e anchear a estrada existente. Entre eles, a Capela da Misericordia, da confraría de mareantes. Derrubamento que foi polémico, xa que quedou sen cartos a media obra, ata o punto que hai fontes que afirman que non se trasladaron os restos do camposanto.

Coa creación da rúa Elduayen desapareceron a rúas da Soidade e Antequera. A rúa Sombreireiros, de aquela relevante (chegaba ata o paseo Alfonso, e pasaba o camiño de Santiago por ela) quedou relegada a uns poucos de lonxitude.

A obra cambiou substancialmente o casco antigo. Pero o máis importante é que fixo unha fenda aínda non recuperada entre o Casco Vello alto e o Baixo. Antes, era un barrio unido. Despois, creouse unha división tanto física como social.

Elduayen antes despois

 Na imaxe pódese ver en rosa os edificios que ían ser derribados na primeira proxección de creación da nova rúa. Finalmente, a ampliación foi maior da inicialmente formulada. Os edificios que quedaron en pé son os que están destacados en cor sobre o plano, coa súa data de construción.

Maila o seu impacto na historia e patrimonio da cidade, a vía resultante, chamada primeiro Travesía de Vigo, pero inmediatamente rebautizada como Elduayen, converteuse nunha elegante rúa, coa construción de numerosos edificios de arquitectura eclecticista que perduran ata o presente.

Hoxe, aínda que non suficientemente valorada, é unha das rúas máis fermosas e representativas da historia recente da cidade: en Elduayen tivo o seu domicilio Nicolás Taboada Leal, o gran cronista de Vigo, e no 30 desta rúa estaba o estudio fotográfico dos irmáns Sarabia, fotógrafos e cineastas, importantísimos na historia da imaxe en Galicia, que traballaron con Gil, o grande cineasta galego.

elduayen principios de seculo

No Vigo actual, despois das importantes rehabilitacións realizadas nas rúas do Casco vello Alto, o máis ambicioso sería desfacer a inxustiza histórica de dividir en dous o barrio. Unir de novo o casco vello alto co casco vello baixo cun bulevar peonil acorde cos edificios do XIX e inicios do XX que alberga. Utilizar a propia Elduayen que un día separou, para volver a xuntar o Vigo antigo.

Sen embargo, o Concello ten previsto construír en Elduayen unhas profundas ramplas de entrada e saída do túnel da Porta do Sol, que rematarán por dividir fisicamente o barrio que un día foi. Esta vez, de forma definitiva.

rambla elduayen 2 tuneles

 Nesta imaxe, pode apreciarse en verde a parte que será peonil en Elduayen, antes da Porta do Sol, e en vermello as partes con tráfico. Observase como as ramplas de entrada e saída
fan de Elduayen unha fenda física entre o Casco Vello alto e o baixo

A destrución patrimonial de aquela pode explicarse, xa que as alternativas de transporte existentes non eran as de hoxe. Ademais, non se valoraba o patrimonio como se valora agora. Pero o de facer saídas de túnel nesta vía, pudendo facelo todo peonil, é un erro do nivel do "scalextric".

Un erro que de facerse imos tardar moitos anos en reverter. 

Estamos a tempo de facer xustiza a Vigo, mentres non hai túnel, hai esperanza

 Vigo Histórico. Equipo de Comunicación


 Fontes: "Vigo la ciudad que se perdió”- Jaime Garrido Rodriguez. 

Axuda a  mellorar  Vigo

Pensamos que o proxecto de peonalización da Porta do Sol pode sacrificar a paixase do Vigo Central en lugares como Policarpo Sanz, a Rúa Elduayen e Paseo de Alfonso e afear o Vigo Histórico.

Por ese motivo, despóis de estudar con rigor o o tema da peonalización, e o proxecto convidámosche a que te dirixas ao Alcalde de Vigo  en change. org solicitando a revisión e/ou cancelación do proxecto actual na intención de dar pulo a otro máis amplo e mellor concebido.