
Comunicado conxunto de VigoHistorico e grupos ecoloxistas contra o túnel
O Concello de Vigo declarou en 2019 a emerxencia climática, polo que é de supoñer que entende a urxencia que ten o planeta, e entende a necesidade imperiosa de reducir emisións.
Outras cidades que declararon (ou non) a emerxencia climática xa tomaron medidas para reducir os vehículos no centro das mesmas. Aínda que de primeiras poden resultar medidas impopulares, xa que requiren cambio de hábitos por parte da cidadanía, finalmente acaban sendo aceptadas de moi bo grado pola poboación. A loita contra o cambio climático require adaptación por parte da sociedade, e medidas valentes por parte das administracións.
Pola contra, o Concello de Vigo toma como medida “estrella” a principios do 2020 a construción dun túnel baixo o Casco Vello que en nada vai axudar a redución do tráfico. É máis, o propio alcalde afirma que vai facer que o tráfico sexa “máis fluído”. A redución de emisións acádase facendo que o tráfico de vehículos a motor sexa menor. Non máis fluído.
Para reducir o tráfico, as medidas a tomar teñen que ser outras diferentes a construír infraestruturas para coches: Deberíase reforzar e mellorar o transporte público, con preferencia por flota eléctrica, crear mallas de carrís bici ou vías de velocidade reducida onde se poida circular en patinete ou en bici, ou promover cidades camiñables. O obxectivo debería ser reducir os traxectos en coche ao mínimo imprescindible, dando alternativas de transporte. Parece que este concello non entendeu que os atascos non se solucionan facilitando os fluxos de coches; soluciónanse reducindo o número de coches.
A peonalización debería facerse pensando en baixar as emisións, debería ser efectiva, e non simplemente ornamental. O túnel esconde o tráfico, non o reduce. Os fumes baixo terra seguen sendo fumes. Ademais, non é necesario soterrar os coches para acadar unha Porta do Sol peonil. Antes da construción do túnel, deberíanse estudar outras alternativas menos lesivas, como a que ven de propoñer VigoHistórico, na que propón eliminar tráfico de forma gradual. Na peonalización con túnel dáse o paradoxo de que está pensada para o fluxo de coches, e non para o fluxo de peóns.
Outro paradoxo é que o concello ten pensado construír este túnel con supostos fondos europeos para sostenibilidade ambiental, sen facer ningún tipo de estudio de impacto ambiental. Unha infraestrutura que mantén o tráfico polo centro dunha vila non pode cumprir os criterios dos fondos para a mitigación do cambio climático. Si se permite esta obra, algún mecanismo de control está a fallar.
Ademais, segundo a futura lei de transición ecolóxica, as vilas de máis de 50.000 habitantes terán que poñer en 2023 restricións a certo tipo de vehículos en zonas de baixas emisións. En Vigo, en boa lóxica, a zona de baixas emisións debería ser o Casco Vello. Polo tanto, non ten sentido construír unha infraestrutura como o túnel baixo o barrio histórico, xa que terá aceso restrinxido a un porcentaxe elevado de vehículos dentro de tres anos, cando se remate a obra. Por todos estes motivos, os colectivos e asociacións asinantes demandamos que se deteñan as obras e se estude un uso dos fondos para o desenrolo sostible para converter Vigo nunha cidade que contribúa a reducir as emisións, con máis árbores e menos coches. Sempre dende o diálogo cos diferentes axentes sociais e veciñais.
Vigo sen Fumes, Casco Vello sen túnel.
Vigo, 22 Febreiro 2020
Asinantes:
ADEGA, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra, Fridays For Future, Verdegaia, VigoHistorico