A rúa Elduayen: outravolta unha fenda no casco vello?
Elduayen é a rúa das desfeitas patrimoniais. Xa o foi na súa apertura, hai máis de 125 anos; e, se non o evitamos, vai volver a selo co túnel da Porta do Sol.
Construída en 1890 para unir a Estrada de Camposancos coa estrada de Pontevedra, a rúa Elduayen permitía atravesar Vigo sen percorrer as estreitas rúas do Casco Vello pois daquela a area da praia chegaba ata os soportais do Berbés, e a vila non se podía rodear por abaixo.
Para a súa construción derrubáronse varios edificios, co gallo de abrir a nova rúa e anchear a estrada existente. Entre eles, a Capela da Misericordia, da confraría de mareantes. Derrubamento que foi polémico, xa que quedou sen cartos a media obra, ata o punto que hai fontes que afirman que non se trasladaron os restos do camposanto.